Transcripción dunha carta de Bóveda a Filgueira Valverde
desaprobando os motivos alegados para face-la escisión de «Dereita
Galeguista». (Arquivo do P.G).
D. Xosé Filgueira Valverde
Pontevedra (Galiza)
|
Cádiz, a 10 de maio do 1.935
|
Querido Filgueira:
Tiña novas da túa carta; máis non a coñecía
íntegra. Agora acabo de a recibir de Gómez Román e, posto que está
escrita para a Historia, considero preciso poñerlle pola parte que me
toca algúns comentarios, coa claridade e lealtade que ti sabes que eu
emprego sempre.
Empezarei por confesarche que me produxo
lamentable impresión. Nin reflexa o que me dixeras n-aquela conversa
que tivemos na túa casa cando fun a te visitare â túa volta de Madrid
nin en verdade é dina de ti. Cerebral e chea de tópicos e lugares
comúns, esplicables no vulgo máis non en ti. Así resulta que, pra
xustificares unha decisión que pudo ser naturalísima e respetable, tes
de construir todo un rosario de sofismas e ate de acusacións inxustas.
Non me será difícil demostrarche canto fica dito, seguindo punto por
punto a túa carta.
Nego en primeiro termo que o teu proceder seña
o que mellor correspondía aos deberes políticos que invocas. Xa
cho dixen naquela conversa e díxeno sempre: a vosa obriga era traballar
dentro do Partido. Antre o teu proceder e o de Otero (inda que Otero
tivera decidido sair do Partido) eu preferirei sempre o d'il: tratando
primeiro de convencer ao Grupo de Ourense e acudindo despóis, en
representación minoritaria pra convencer â Asambreia; â luz do noso
Pobo e motivando que se aclarasen posicións e fixasen ideias, das que
ti ao parecer non quixeche enterarte; porque eu, que estou máis lonxe e
non tiven posibilidade de asistir â Asambreia, puder informarme délas.
Só así é posible que afirmes que se
ratificaron «antre os derradeiros acordos da xuntanza posicións
contrarias ao senso espritual da figura mesma de Otero». ¿Queres
sinalerme un só d'ises acordos? Un xiquera contrario âs
esencias cristiáns ou nazonalistas. Ao que se non accedeu foi a facer
certas declaracións que tampouco se quixeron facer cando se aprobou o
noso Programa (do que ti és un dos autores) e se constituiu o noso
Partido. Máis o respeto e a outura con que se falou nos debates ¿temen
algo que envexar ás intervencións que no 1931 tiveran en Pontevedra
Tobío, Alonso Ríos, o mesmo Picallo, Tano e Durá? ¿Por qué agora
desaprobas o que daquela, exposto incruso con máis rudeza por Alonso,
aprobache?
Non. N-isto non poderás convencer aos que como
eu coñecemos a pequena historia do noso Partido en tódolos seus
detalles. Porque certamente non tês razón. Na nosa IV Asambreia, o
Partido, no orde doutriñal e de principios foi absolutamente fidel ao
convenio que determiñou (coa tua aprobación) o seu nacimento e do que
era punto básico a neutralidade no relixioso e na custión
marxismo-antimarxismo, que todos conviñemos non podía aplicarse a
Galiza na forma en que xa estaba de moda pola Europa adiante e que pouco
tempo despóis importaron as dereitas hespañolas. Isto pode descoñecelo,
ou esquencelo, outro; ti, non.
Xa fica dito, en troques, que a túa postura
pareceríame natual se na carta repetises sinxelamente o que a min me
dixeras. Se agora creedes que os tempos demandan unha política na que
non debe fallar a afirmación das esencias cristiáns, a vosa adhesión
a Roma, etc, está ben. Eu que non comparto isa posición, porque coela
aplicada ao terreo político tiña de romperse fatalmente a unidade do
noso Partido comprendo isa vosa inquedanza, que é a mesma que prendeu
en certos seitores inteleituás de varios países preocupados ante os
grandes progresos do materialismo marxista e do positivismo filosófico.
Pro iso e cousa moi distinta d-ise soño de que falas agora e que
non
quixeche defender dende vai case dous anos nin nas páxinas de A NOSA
TERRA, nin nas xuntanzas do Grupo de Pontevedra, nin nas nosas
Asambreias. Porque non terás esquencido que o teu criterio ante a III Asambreia así como o de Bouza e outros era o de que nos escindísemos
en dúas bandas. Ideia contraria â que agora expós d-un partido «totalitario e nazonalista
non escindido por difrencias de credos
sociás». Iso era precisamente o noso, calquera que foce a súa
táitica. I-está claro que non somos nós os que fallan ao convenio
fundacional e as provocara. Ben sei que ti ao falar de partido
totalitario refíreste ao contido doutrinal e confesional; máis así é
como non se poderá endexamáis evitar as «escisións por
diferencias de credos sociás». A túa contradicción sinala un camiño xa ensaiado baixo os auspícios de Roma,
con pésimos froitos
que a mesma Iglesia está colleitando, inda que aparentemente figura o
contrario, pola Europa adiante.
Dixeras que seguías pensando como no pasado ano e
non habería repito
que decir ren, porque eu sei que vos empulaba a elo pensar que así
facíades un ben a a nosa Terra. Mais agora colócaste punha posición
falsa, en contradicción incluso coa túa conducta anterior. I-eu
dígoche que non sei a qué pode obeder iso; mas que, como ves, carece
de lóxica, inda que poideses maxinar o contrario extraviado n-isa maraña de razonamentos
con a que pretendes xustificalo.
Que non esteñas conforme coa táitica do Partido, é outro cantar.
Outro cantar do que tamén habería de falar moito. Porque eiquí a túa
inxusticia chega ao agravio, n-aquil párrafo en que (sen meditar as
verbas e coa lixeireza grande, despóis de invitarnos a lêr os teus
traballos) nos dis repara ben que case todo o que nós levamos feito
no orde político non é máis que «desteñido calco da ideoloxía
do «Heraldo de Madrid». E isto, se non fose un agravio
inxusto, pouco meditado e ate unha miguiña pedante, sería algo que
renuncio a calificar, porque non quero responder a un agravio con
outro. Mais deixemos isto e vexamos a custión da nosa táitica nos seus
aspeitos fundamentás.
Certo que o Partido tive no 1934 dous camiños: neutralidade nas loitas
da política hespañola, ou inclinación a un dos bandos. Eu fun dos
que deica principios do 1933 pensaron que a neutralidade podía ser
eficaz para os nosos fins. Desenganeime cando reparei na realidade e nos
resultados, cada data piores, de dous anos de esforzos formidables. Como
as loitas da política hespañola se ventilara tamén na Galiza
(realidade que non queríamos ver), toda a nosa enorme campaña de dous
anos sirveu pra que d-ela se aproveitasen as dereitas contra dos homes
da República, pra seren despois os nosos piores nemigos e o que ainda
é pior os nemigos máis encarnizados de Galiza e do seu Estatuto,
cousa que non compre demostrar. O malo foi que nos decatásemos dista
gran verdade demasiado tarde; eu, polo menos. A necesidade, pois, de
sair do noso aillamento estaba clara. E, ao establecer unha
intelixencia, preferir aos elementos de esquerda non tiña dúbida;
porque iles (dígase o que queira) posibilitaron as autonomías
concederon a de Cataluña, estaban era camiño de conceder a das
Vascongadas e terían concedido a nosa se nós, con máis esperencia da
política e mais senso praitico, en vez de atacar aos republicáns (con grande contentamento das dereitas, ás que
facíamos
un gran servicio, sen o querer) houberamos tratado co-iles de outro modo. Dí
esto quen tivo a máisima responsabilidade d'aquil intre por sere
d-aquela S. Xeral do Partido; máis a min non me doi recoñecer os meus
erros.
Pois ben: iste criterio foi o que prevaleceu,
non sô agora senon xa
na Asambreia de Ourense e tamén na extraordinaria de Santiago, en
setembro xa do 1933, â que ti que eu lembre un dos reparos que
puxeche foi que ninguén se lembrase de propoñerte pra candidato, cousa
que estimabas (i'eu tamén) que tiñas merecido dábondo pelos teus
servicios, indiscutibres, à causa do Partido.
Discrepar d-isa tática ¿xustifica a marcha do Partido? Non. Podería
xustificar como ao comenzo dixen, que ergueses noblemente bandeira
contra d'ela no seo do Partido constituindote en reserva como fixo
Otero, e como se fai en tódolos Partidos serios motorizados por un
ideal para o caso de que o Partido considerase comenente variala.
¿Queres decirme qué partido totalitario no senso era que o é o noso
e nazonalista que o precisase non acudíu a toda cras de alianzas, âs
veces incruso con xentes das máis opostas doutriñas?
Xa ves como non tes razón nin pola banda da
doutriña nin
pola da
taítica pra xustificar o teu arredamento e os teus inopinados ataques,
e cómo é perigoso construir sistemas sofísticos pra xustificar
posicións falsas. O teu problema de concencia é otra cousa; a
convicción, esposta o ano pasado de que a escisión pode favorecer â Causa galega, tamén Todo o demais con que ves agora, non. Se é para
xustificar que ise partido de dereitas que anuncias naza «sen aquel enceio de liberación» ao que non renunciou nin renunciará o
noso... entón, pase.
Se te deses o traballo de requerir a carta dirixida a
I.R. comprobarías
que o P.G. endexamais hipotecou a súa persoalidade e significado e se
quiseses lêr o manifesto da IV Asambreia verías tamén que a nosa
posición tocante â reforma constitucional nin é a que ti dís nin nos
priva de mante no intre oportuno (que estimamos que non é iste, pra
facerlle por segunda vegada o sogo âs dereitas, nemigas nosas) un
criterio revisionista nos puntos que nos pareza preciso. E verías
derradeiramente que nós non somos tan inxenuos como ti te permites supoñer
(supoñer, posto que non falas sen informarte), e sabemos o que
damos o que recibimos. Cando non o soupemos foi cando axudamos sen
querelo aos que despois habían de ser os nosos máis grandes nemigos,
como sucedería se agora tivesemos a candidez de apoialos, ségún a tua
proposta, a unha revísión na que (¡ademira o esquecimento de que das
probas!) un dos puntos que queren revisar, e se non recatan de o
anunciar aos catro ventos, é o réxime de autonomías, ¡e non
precisamente para favorecernos como podes supoñer!
Velahí, se non houbese cen mil máis, un argumento contundente pra
xustificar, ben xustificada, a oportunidade e acerto d-ise acordo da nosa IV Asambreia.
¿Significa iso que obramos ao dictado das esquerdas de Madrid? Só pode
afirmalo quen descoñeza e ti non podes, ou non debes descoñelo que os
promotores do movimento republicán galego, antes de que fixesen ren en
Madrid, fumos nós. E somos nós tamén, como ti sabes de sobra, os que
nos opuñemos a direición madrileña en todo: o caso do Seminario, que
tan extraviado ía por ise camiño, pode falar con elocuencia de abondo.
Tede vos conta de non persistir en tal erro, que de nós por ista banda
non hai que ocuparse.
Feitas istas aclaracións, réstame só decirche que cada un responderá
dos seus feitos, e nós estamos tranquilos. Abonda pra ben da Terra que
todos os realicemos con patriotismo.
Polo demáis, non seremos nós os que quebren a unidade espritual con
ningunha deslealtade â causa nin con agravio ningún a vós; máis
compre que ti e os que te sigan meditedes ben se, pra evitar que nos nos
vexamos na precisión, non será menor que en vez de vos arredar facendo
acusación inxustas teñades o valor de declarar o voso problema íntimo,
e a vosa posición conseguinte, sen rodeos.
Como de cote, apertas do teu irmán na Patria.
|